Sunday 28 de April de 2024

O PSOE denuncia o “caos absoluto” nas urxencias do CHUS e propoñen recuperar a Atención Primaria con cita no médico de cabeceira en 48 horas


O Secretario Xeral dos socialistas composteláns e candidato nº4 pola provincia de A Coruña ao Parlamento galego critica que as listas de agarda na primaria “de ata 15 días de retraso” provocan a saturación das urxencias

Recorda ademais que desde o 2009, ao remate do goberno de Touriño, en Galicia hai mil profesionais sanitarios menos: “esta é a sanidade proposta polo Partido Popular”

O Partido Socialista en Santiago criticou este xoves o “caos absoluto” no Hospital Clínico, logo das continuas denuncias da asociación de pacientes do CHUS. Con listas de agarda na Atención Primaria, urxencias saturadas e incluso desperfectos en habitacións e baños con goteiras “que fixeron que tiveran que desprazar a algúns pacientes de hospital”, esta é segundo os socialistas, unha “radiografía do que é a sanidade proposta polo Partido Popular”.

O seu secretario xeral na capital, e candidato ao Parlamento galego amosouse especialmente crítico coa actitude da administración autonómica, sinalando á Xunta de Alfonso Rueda por “inacción” e “non poñer enriba da mesa solucións a este problema que atenta contra un dereito básico”.

Fronte a esta actitude, Aitor Bouza explicou a proposta do PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro que pasa por garantir unha cita en Atención Primaria “no prazo de 48 horas e non ter que agardar 15 días como se fai a día de hoxe”. Segundo Bouza son estas listas de agarda na primaria as que provocan a saturación das urxencias: “cando calquera de nós ten unha doenza, os 15 días de retraso provocan que calquera de nós teñamos que ir a urxencias”.

Recorda ademais que a día de hoxe, a Atención Primaria ten mil profesionais menos que hai 15 anos, no 2009, ao remate do goberno de Touriño, e que ademais o investimento público recortouse en máis de 130 millóns de euros. Recalca aquí a necesidade do cambio na Xunta de Galicia e confía en que, con Gómez Besteiro como presidente, feitos eses cambios, “a cidadanía compostelá e galega terá unha sanidade pública de calidade, que é o que merecen”.